Retomamos o proceso de formación en SSR con mulleres de comunidades rurais de El Viejo, Nicaragua.

Retomamos o proceso de formación en SSR con mulleres de comunidades rurais de El Viejo, Nicaragua.

A finais do pasado mes de abril retomouse o proceso formativo coas mulleres das distintas comunidades en temáticas de Saúde Sexual e Saúde Reprodutiva. Neste primeiro obradoiro do ano 2017, desenvolvido no marco do proxecto “Prevención de la Violencia de Género y mejora de la Salud Sexual y Reproductiva de las mujeres en 10 comunidades de El Viejo, Chinandega (Nicaragua) Fase 2”, cofinanciado pola Xunta de Galicia e executado por APADEIM e Fundación Mujeres,  traballouse coas mulleres sobre enfermidades e infeccións que poden afectar a saúde da muller, como son o Cancro Genito- Mamario e o Virus do Papiloma Humano, en canto á súa prevención, factores de risco, sintomatología e indicadores de alerta. Así mesmo, fíxose énfase na importancia das intervencións médicas necesarias que as mulleres deben asumir con responsabilidade e sobre todo como un dereito propio.

As mulleres expresaron que este proceso formativo achégalles moito á súa vida e á súa saúde. Ademais, recoñeceron que é moi difícil para elas falar destes temas e que agradecen que se lles estea brindando o espazo para informarse sobre as decisións que deben tomar para o seu propio coidado, facéndose conscientes de que «ninguén vai coidar de nos se non o facemos nos e para iso necesitamos estes espazos de información»(Mulleres da Comunidade de Las Chinas).

As participantes tamén expresaron estar moi contentas co proceso formativo, xa que valoran como moi importante que se estean impartindo estes temas, pois é o único espazo onde poden informarse con empatía e confianza. Tal e como elas mesmas comentan, os exercicios dos talleres permítenlles falar de si mesmas desde a súa condición de mulleres con dereitos e que iso lles axuda a coñecer e coidar mellor da súa saúde.

Retomamos o proceso de formación en SSR con mulleres de comunidades rurais de El Viejo, Nicaragua.

Retomamos o proceso de formación en SSR con mulleres de comunidades rurais de El Viejo, Nicaragua.