Comeza a elaboración dun mapa de risco de violencia contra as mulleres no municipio de Atiquizaya (El Salvador)

Comeza a elaboración dun mapa de risco de violencia contra as mulleres no municipio de Atiquizaya (El Salvador)

O obxectivo da elaboración dos mapas de risco, que se realizarán no marco do proxecto “Contribuíndo ao empoderamento das mulleres nos dereitos sexuais e reprodutivos e dunha vida libre de violencia no occidente do Salvador” executado por Las Mélidas, en coordinación con Fundación Mujeres e o apoio financieiro da Xunta de Galicia, é crear un sistema de prevención da violencia contra as mulleres nas súas comunidades. A intención é contribuír a identificar riscos e perigos, e asignar accións específicas a axentes clave que axuden a construír un sistema de prevención da violencia Contra as Mulleres nas comunidades.

Neste primeiro encontro participaron 30 mulleres co obxectivo de coñecer cales son os principais riscos de violencia que perciben nas súas comunidades e pór en común as problemáticas ás que se enfrontan, que pode ir desde unha rúa en mal estado até casos de violación ou inclusive feminicidios na zona.

Neste primeiro achegamento xa se puxeron de manifesto diversas situacións de violencia sufridas por mulleres das comunidades e varias violacións a menores. Tamén os enfrontamentos entre cuadrillas e a Policía Nacional Civil (PNC) é outra das problemáticas que atemorizan ás mulleres de Atiquizaya.

Para a elaboración dos mapas realizaranse tres xornadas. Os mapas obtidos destas accións serán beneficiosos para as comunidades participantes, facéndose públicos os resultados co obxectivo de que as autoridades se comprometan e desenvolvan accións para minimizar os posibles riscos das mulleres.

As mulleres manifestaron sentirse comprometidas tanto no achegue do seu traballo para a elaboración, así como no seguimento e cumprimento destes mapas.