As mulleres enlaces das comunidades rurais do municipio de El Viejo analizan situación de violencia do 2016

As mulleres enlaces das comunidades rurais do municipio de El Viejo analizan situación de violencia do 2016

O pasado mes de xaneiro, no marco do proxecto “Prevención da Violencia de Xénero e mellora da Saúde Sexual e Reprodutiva das mulleres en 10 comunidades de El Viejo, Chinandega (Nicaragua) Fase 2”, cofinanciado pola Xunta de Galicia e executado por APADEIM e Fundación Mujeres, avaliouse a situación de violencia cara as mulleres a nivel nacional e, en máis detalle, no municipio de El Viejo, cas persoas que exercen o rol de referentes comunitarios e enlaces do SAT e do Observatorio de Católicas polo dereito a decidir.

Durante 2016 rexistráronse 49 femicidios a nivel nacional. A maioría aconteceron na Rexión Autónoma Caribe Sur e Norte, Jinotega e Managua. Ademais, 61 mulleres foron vítimas de feminicidios en grado de frustración. En 18 dos 49 femicidios que se deron no 2016, os homes utilizaron arma branca e en 15 dos casos utilizaron arma de lume. No resto de crimes empregaron as súas mans exercendo nas diferentes formas o seu poder por encima dos corpos das mulleres.

No informe anual do SAT e Observatorio de violencia municipal de El Viejo, reportáronse 49 mulleres apoiadas polas enlaces ou referentes comunitarias e 15 mulleres fixeron uso do Sistema de Alerta Temperá. A nivel departamental, o SAT identificou un total de 145 mulleres pertencentes ós 13 municipios de Chinandega.

No que vai de ano, segundo a Rede de Mulleres contra a Violencia, rexistráronse xa 10 femicidios: 3 en Matagalpa, 1 en Corinto, 1 en Chinandega, 2 en Estelí, 1 en Wilwi e 2 no municipio de El Tortuguero da RAACS.

APADEIM, actualmente, está recompilando os datos reportados polos medios de comunicación, as referentes comunitarios e enlaces do Sistema de Alerta Temperá (SAT), para o proceso de elaboración do boletín trimestral de xaneiro a marzo 2017.

As mulleres enlaces das comunidades rurais do municipio de El Viejo analizan situación de violencia do 2016

As mulleres enlaces das comunidades rurais do municipio de El Viejo analizan situación de violencia do 2016