Reflexionando sobre a corresponsabilidade coas familias ecuatorianas

Reflexionando sobre a corresponsabilidade coas familias ecuatorianas

No marco do proxecto “Fomentando iniciativas produtivas con valor agregado para a redución da pobreza e a exclusión das mulleres da parroquia de Quisapincha, Tungurahua” cofinanciado pola Xunta de Galicia e executado por Fundación Humana Pueblo a Pueblo – Ecuador coa colaboración de Fundación Mujeres, o pasado 10 de abril levouse a cabo o “Encontro de familias Pushak Kawsay” no Parque da Familia da parroquia de Quisapincha, no que participaron 215 persoas. Previo ao desenvolvemento do evento se implementaron todas as medidas de bioseguridad necesarias para favorecer a libre mobilidade e circulación entre as familias participantes, previndo a aglomeración das mesmas.

O obxectivo deste encontro, de 8 horas de duración, foi crear espazos de convivencia no que as familias adquiran ferramentas prácticas para poder expresar os seus sentimentos, pensamentos e afectos, fomentar unha comunicación asertiva, a repartición de tarefas no ámbito doméstico e construír alianzas para a prevención da violencia de xénero nas comunidades. A través de xogos, dinámicas e actividades lúdicas incorporouse ás familias nas diferentes actividades.

Establecéronse 5 carpas temáticas nas que se traballaron aspectos como o recoñecemento de emocións e como xestionalas de maneira adecuada, ou a importancia de que os homes se impliquen nos coidados e tarefas domésticas. Na última carpa preparouse un espazo de interacción para nenos e nenas, onde pasaron o intre a través de xogos de ambientación e integración, actividades deportivas e lúdicas creando un ambiente para que puidesen divertirse, en tanto que as súas nais e pais participaban das actividades. As familias participaban das carpas temáticas de maneira rotativa, permitíndose unha estancia de 30 a 40 minutos en cada unha delas.

As actividades permitiron que mulleres, homes, nenos, nenas e adolescentes expresasen as súas reflexións e opinións. Por exemplo, moitas mulleres manifestaron que necesitaban ser máis escoitadas, que lles daba medo falar porque non querían magoar ou facer enfadar aos maridos, polo que moitas veces se desquitaban cos fillos e fillas; nos homes houbo un recoñecemento importante na limitación da expresión das emocións doutra forma que non sexa a ira, os homes recoñecen que tamén deben ser un alicerce fundamental no coidado dos fillos e fillas e que a pesar de que non se lles ensinou a expresar os sentimentos, senten amor pola familia e impórtalles o que pase con todos os integrantes.  Así mesmo, mencionaron que os seus pais e nais non souberon falar con eles ou expresar agarimo, e que o rol que se lles asignou é o de pór orde e regras na familia, por iso cústalles expresar as súas emocións. Tanto unhas como outras comentaron que as actividades formativas nas que participaron no marco do proxecto axudoulles a ser conscientes de todo isto e proporse mellorar as súas relacións familiares, desde o respecto mutuo.

O evento finalizou con actividades lúdicas (sorteos e grupo musical) que permitiu ás familias pasar un intre agradable e en compañía.

Reflexionando sobre a corresponsabilidade coas familias ecuatorianas

Reflexionando sobre a corresponsabilidade coas familias ecuatorianas