Finalizan os talleres coas mulleres coidadoras do Medio Rural na provincia da Coruña

Fundación Mujeres deu por rematados os talleres enmarcados dentro do Servizo de Apoio Integral ás Mulleres Coidadoras no Medio Rural, financiado pola Deputación da Coruña, onde se levaron a cabo diferentes itinerarios formativos nos concellos de Arzúa,  Laracha (Vilaño), Negreira, Cerceda, Betanzos, Irixoa, Arteixo, Carballo, Santa Comba e Padrón. O propósito é fomentar o empoderamento persoal e a activación social das coidadoras familiares do ámbito rural.

En colaboración cos Concellos mencionados, os talleres que comezaron en xuño e finalizaron a finais de novembro, favoreceron os procesos de empoderamento persoal das mulleres coidadoras para conseguir a súa participación social e laboral, así como o exercicio dos seus dereitos asertivos e mellora da súa autoestima.

Durante as sesións traballáronse diferentes estratexias para afrontar e resolver situacións de conflitos, os diferentes estilos de comunicación facendo fincapé na asertividade como estratexia saudábel de comunicación, a adquisición de ferramentas para mellorar a autoestima, aprender a poñer límites e a dicir que non sen culpabilidade.

Nestes talleres as mulleres mostraron o seu interese e agradecemento ante as temáticas impartidas a través da elevada participación e a solicitude da posta en marcha de novos talleres.

Dende Fundación Mujeres agradécese tanto aos Concellos como ás mulleres participantes por facer posíbel desenvolver estas sesións, desexando poder impartir novos itinerarios formativos á maior brevidade.

Se estás interesada en coñecer tódalas actividades deste Servizo contacta connosco no teléfono 981 29 40 97

 

Finalizan os talleres coas mulleres coidadoras do Medio Rural na provincia da Coruña

Finalizan os talleres coas mulleres coidadoras do Medio Rural na provincia da Coruña