Conmemoración do Día Internacional da Muller en Quisapincha (Ecuador)

Conmemoración do Día Internacional da Muller en Quisapincha (Ecuador)

Fundación Humana Pueblo a Pueblo – Ecuador conmemorou a celebración do Día Internacional da Muller, o pasado 8 de marzo, cunha marcha reivindicativa sobre os dereitos das mujeres indíxenas na parroquia Quisapincha, provincia de Tungurahua.  En colaboración co goberno municipal de Ambato, realizouse un percorrido polas diferentes zonas da localidade, no que participaron máis de 100 persoas, contando entre elas con numerosas  mulleres de todas as idades. Isto denota o compromiso da poboación feminina da parroquia na loita pola igualdade de xénero e a defensa da importancia do rol das mulleres rurais na economía do país. Actualmente en Ecuador os traballos agrícolas son realizados na súa maioría por mulleres, as cales representan un 80% da man de obra, ademais de apoiar a outras tarefas necesarias para a seguridade alimentaria como a cría de animais menores.

Ademais de reivindicar o papel da muller na economía local, este día foi tamén ocasión para lembrar que, en Ecuador, 6 de cada 10 mulleres viviron algún tipo de violencia de xénero, especialmente en Tungurahua, sendo esta a segunda provincia da República de Ecuador coa maior porcentaxe de violencia de xénero , un 70%. As persoas participantes puideron reflexionar sobre estes temas na praza central, tomando quendas de palabra e expresando os seus desexos de cambiar esta situación.

O evento continuou cunha dramatización para concienciar á sociedade sobre os dereitos das mulleres, talleres de bailoterapia e rifas solidarias. Estas accións, onde tiveron máis protagonismo as e os mozos do Colexio Quisapincha, estaban dirixidas á poboación en xeral. Para culminar, o GAD de Quisapincha convidou á poboación a un refrixerio e Fundación Humana fixo entrega de ramos de flores ás mulleres para simbolizar a importancia destas na parroquia.

Estas actividades organizáronse no marco do proxecto “Fomentando iniciativas produtivas con valor agregado para a redución da pobreza e a exclusión das mulleres da Parroquia de Quisapincha , Tungurahua” executado pola Fundación Humana Pueblo a Pueblo en colaboración con Fundación Mujeres e financiado pola Xunta de Galicia – Cooperación Galega.

Conmemoración do Día Internacional da Muller en Quisapincha (Ecuador)

Conmemoración do Día Internacional da Muller en Quisapincha (Ecuador)