Análises sobre datos de Violencia de Xénero e Saúde Sexual e Reprodutiva en El Viejo-Nicaragua

Análises sobre datos de Violencia de Xénero e Saúde Sexual e Reprodutiva en El Viejo-Nicaragua

No marco do proxecto “Prevención da Violencia de Xénero e mellora da Saúde Sexual e Reprodutiva das mulleres en 10 comunidades de El Viejo, Chinandega (Nicaragua)”, cofinanciado pola Xunta de Galicia e executado por APADEIM e a Fundación Mujeres, tivo lugar o pasado 14 de Xullo a Mesa de traballo sobre a situación de Violencia de Xénero e Saúde Sexual e Reprodutiva.

Os obxectivos do encontro eran: fomentar espazos de diálogo e reflexión entre os diferentes actores acerca dos datos obtidos no Boletín, analizar a situación actual das institucións involucradas na Ruta Crítica de Acceso á Xustiza, así como establecer accións articuladas inter institucionais para a incidencia.

Na actividade estiveron presentes persoas das comunidades que son puntos de referencia do Observatorio e organizacións da sociedade civil como: CISAS, Movimiento de Mujeres de Chinandega, PROFAMILA, ACODEPEC, ASODEL, PLAN NICARAGUA, AMIGOS DE HOLANDA, así como institucións locais: O Corpo de Bombeiros e o Ministerio de Saúde.

A xornada dividiuse en dúas partes. Nun primeiro momento presentáronse os datos recolleitos no Boletín Nº 6 relativos aos meses de Xaneiro a Marzo de 2016 e nun segundo momento as persoas asistentes mediante dinámicas en grupos reflexionaron sobre as estatísticas obtidas e recolleron suxestións para a realización de accións articuladas.

É importante resaltar que a maioría dos presentes manifestaron como unha grande problemática e retroceso no cumprimento da Lei Integral contra a Violencia cara ás mulleres (Lei 779), o peche das Comisarías da Muller en todo o país.

Tamén se identificou como unha grande limitación para a prevención e atención en materia de saúde sexual e reprodutiva, as debilidades existentes no sistema de saúde pública: malos tratos ás persoas usuarias, falta de confidencialidade, tardanza na entrega de resultados, falta de medicamentos, restricións para dar ás e os novos métodos de planificación familiar e falta de especialistas.

En xeral, as organizacións e institucións mostráronse con motivación e compromiso para traballar de xeito coordinado e estender a invitación a outras organizacións de Chinandega, acordándose a realización de reunións mensuais, onde se abordarán accións de incidencia para a prevención da violencia de xénero e a situación da saúde sexual reprodutiva.

Análises sobre datos de Violencia de Xénero e Saúde Sexual e Reprodutiva en El Viejo-Nicaragua

Análises sobre datos de Violencia de Xénero e Saúde Sexual e Reprodutiva en El Viejo-Nicaragua