Terminan as actividades enmarcadas no Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no medio Rural

Terminan as actividades enmarcadas no Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no medio Rural

A través do cofinanciamento da Deputación Provincial e grazas a unha gran implicación e respaldo destes Concellos, especialmente das concellarías de Benestar Social en Culleredo, concellaría de Servizos Sociais en Bergondo, Abegondo e Arteixo, puidéronse desenvolver actuacións dirixidas a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras na contorna rural.

O pasado día 4 rematou en Arteixo a última das actividades enmarcadas nos itinerarios formativos do proxecto que se compuxeron dos seguintes talleres monográficos:

–       Taller de Autocoidado e xestión do estrés, no que abordáronse de forma detallada os custos do coidado co obxectivo de activar un proceso de toma de conciencia do propio estado e as propias necesidades das coidadoras. Así mesmo, facilitáronse algunhas claves para fomentar o benestar persoal: o fortalecemento da autoestima, a promoción da saúde, a comunicación, a participación social e a posibilidade de retomar un proxecto vital propio. De forma transversal, levaronse a cabo técnicas de relaxación e da conciencia corporal para mellorar o benestar físico e mental previndo ou paliando a tensión e a sobrecarga das coidadoras.

–      Taller de Alfabetización dixital II,para favorecer a integración e participación máis plena das mulleres coidadoras na sociedade, paliando os efectos do illamento a través das redes, dos coñecementos e estratexias compartidas, e o acceso aos recursos.  

–    Taller de Coidar en Igualdade para fomentar a corresponsabilidade familiar dos coidados. O reparto equitativo das tarefas e responsabilidades favorece que as coidadoras teñan mais tempo libre para o autocoidado, as relacións sociais, a participación social, o acceso a recursos, a participación laboral, etc. Esto incide na disminución do índice de sobrecarga e, polo tanto, na calidade de vida global.

As participantes nas actividades mostraron unha alta satisfacción coas actuacións do proxecto, aínda que a maioría indicou que é necesaria unha maior continuidade en apoios específicos para as coidadoras, de maneira que permitan profundar máis nas dificultades coas que se atopan e as alternativas para facerlles fronte, xerando espazos onde compartir as súas experiencias.

Segundo as súas propias palabras, as coidadoras que participaron destacan que os talleres lles serviron para darse conta do importante que é coidarse a si mesmas e dedicarse un tempo para elas, así como aprender cousas novas.

Desde o equipo so nos queda agradecer a implicación do persoal técnico, que de diferentes xeitos contribuíron a facilitar o desenvolvemento deste proxecto, as compañeiras en prácticas que nos apoiaron durante este tempo e, especialmente, gustaríanos recoñecer a labor diaria das participantes, reivindicar o seu dereito a ser protagonistas das súas vidas máis aló do coidado e agradecer o seu entusiasmo e motivación a hora de participar nos talleres. Esperamos poder volver a compartir e aprender con vos.

 

Terminan as actividades enmarcadas no Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no medio Rural

Terminan as actividades enmarcadas no Servizo de Apoio Integral a Coidadoras no medio Rural