Planificación das atencións psicolóxicas e asesorías xurídicas ás mulleres vítimas de violencia no occidente de El Salvador

Planificación das atencións psicolóxicas e asesorías xurídicas ás mulleres vítimas de violencia no occidente de El Salvador

Na segunda anualidade do proxecto “Contribuíndo ao empoderamiento das mulleres nos dereitos sexuais e reprodutivos e dunha vida libre de violencia no occidente do Salvador”, executado por Las Mélidas en coordinación con Fundación Mujeres  e o apoio financeiro da Xunta de Galicia, está previsto atender, polo menos, a 150 mulleres das diferentes comunidades de intervención. O obxectivo principal é incrementar as asesorías e acompañar tanto xurídica e psicoloxicamente os casos de violencia de xénero que viven mulleres dos municipios de intervención.

As atencións e asesorías son de vital importancia para poder empoderar ás mulleres que deciden denunciar algunha vulneración aos seus dereitos. É importante remarcar que as institucións públicas no Salvador, en numerosas ocasións, incumpren a súa responsabilidade de activar os protocolos do Sistema de Atención Especializado a Mulleres Vítimas de Violencia Contra as Mulleres, o que provoca que, pola mala praxe do funcionariado a cargo, as mulleres sexan revictimizadas.

O acompañamento psicolóxico e as asesorías xurídicas son as ferramentas básicas para que as mulleres logren saír dos círculos de violencia e inicien un camiño de autonomía e empoderamiento.

Por unha banda, a atención psicolóxica axuda ás mulleres a tomar decisións sobre as súas vidas e a situación de violencia que viven. Neste caso é fundamental apoiar á vítima e ofrecerlle redes de apoio. Dentro destas atencións aténdense tamén ás fillas e fillos e familiares vítimas de violencia de xénero.

Por outra banda, as asesorías xurídicas permiten orientar ás mulleres nos seus pasos a seguir para levar a cabo as denuncias e evitar que as institucións públicas falten ao seu mandato de facer cumprir a Lei Especial Integral para unha Vida Libre de Violencia para as Mulleres.

Despois dunha avaliaciónpor parte do equipo técnico de Las Mélidas e Fundación Mujeres están a planificarse achegamentos das atencións psicolóxicas e asesorías xurídicas ás comunidades máis afastadas e con dificultades de mobilización, por seguridade e incomunicación de transporte público, por exemplo comunidades dos municipios de Ataco, de Sonsonate  e San Lorenzo.