Unha vez rematadas as accións formativas do proxecto “Prevención da Violencia de Xénero e mellora da Saúde Sexual e Reprodutiva das mulleres en 10 comunidades El Viejo, Chinandega (Nicaragua) Fase 2”, executado por APADEIM e Fundación Mujeres e cofinanciado pola Xunta de Galicia – Cooperación Galega, aplicáronse o test de saídas (perfil de saída) ao grupo de homes participantes no proxecto, de cara a avaliar o nivel de avance e cambio obtido.
Durante a aplicación, de forma individualizada, desta ferramenta de avaliación os homes fixeron diversos comentarios que reflectían o nivel de influencia que tiveron os procesos de formación neles e as súas vidas, tanto desde o punto de vista persoal como familiar. Así o expresa un dos homes da comunidade Boa Vista: «É fácil para un, cando non sabe, decidir polas mulleres e practicamente mandar sobre elas e os seus corpos, pero, cando un aprendeu o que sabe ata a data, xa se pensa mellor antes de dar respostas só por dalas e ter en conta a opinión das nosas esposas, porque segundo como opinemos, así imos actuar».
O comentario anterior reflicte algún dos avances obtidos desde que os homes comezaron a participar nas accións formativas. É notorio o cambio de perspectiva entre un home que se relacionaba de forma autoritaria e violenta e a postura dun home que brinda maior protagonismo á súa compañeira de vida e recoñece a súa autonomía.
A metodoloxía de aplicación do test de saída incluía tres eixos de análises vinculadas con: a corresponsabilidade na saúde sexual e reprodutiva, dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e planificación familiar.
O grupo de homes comentou, durante a aplicación dos perfís de saída, a diferenza que eles sentían entre a súa actitude previa á súa inclusión nas accións formativas do proxecto e a súa actual postura de cara ao futuro: «Recordo cando estabamos a iniciar no proxecto e fixéronnos preguntas parecidas a estas, eu non distinguía entre respostas boas ou malas, porque estaba pechado en min e no que me ensinaron; agora penso diferente, creo que a lección é que cando un aprende pode criticarse a un mesmo e rectificar» (comunidade Playones).
Comentarios como a anterior mostra o proceso de des-aprendizaxe que os homes están a realizar dentro deste proxecto. Este é un proceso dificultoso, sobre todo porque cuestionarse implica ir contra un sistema social e educativo sexista e hexemónico, desventaxoso para as mulleres. Con todo, tras a aplicación do test de saída é notable o avance positivo en relación á desconstrucción das masculinidades hexemónicas e o achegue realizado á construción de novas masculinidades como un medio para contribuír á saúde sexual e reprodutiva das mulleres e o cumprimento dos seus dereitos.