No marco do proxecto “Prevención de la Violencia de Género y mejora de la Salud Sexual y Reproductiva de las mujeres en 10 comunidades de El Viejo, Chinandega (Nicaragua)”, cofinanciado por la Xunta de Galicia y promovido por APADEIM y Fundación Mujeres, desenvolvéronse, entre os meses de maio a decembro, os módulos 1 e 2 do Curso «Masculinidades e saúde sexual e reprodutiva», cunha participación media de 82 homes de 10 comunidades rurais de El Viejo, Nicaragua.
Durante este período os participantes informáronse e reflexionaron sobre os seguintes temas abordados: Sexualidades masculinas (mitos e crenzas); O machismo e o amor; Homofobia e misoxinia e Violencia sexual, identificando a importancia dos dereitos sexuais e reprodutivos na vida dos homes e as mulleres.
As principais reflexións realizáronse en relación ás mensaxes sociais e vivencias persoais sobre a sexualidade e as desigualdades que dan lugar a relacións de poder desigual, e falta de respecto aos dereitos das mulleres. Outro aspecto importante que se sinalou é a necesidade de realizar cambios na maneira en que os homes expresan o afecto e establecen unha relación de parella, onde se poña en práctica o coidado persoal da súa saúde sexual e reprodutiva e a da súa parella, así como a corresponsabilidade na planificación familiar.