Durante a semana do 25 ao 29 de xaneiro, no marco do proxecto “Prevención de la Violencia de Género y mejora de la Salud Sexual y Reproductiva de las mujeres en 10 comunidades de El Viejo, Chinandega (Nicaragua)”, cofinanciado pola Xunta de Galicia e promovido por APADEIM e Fundación Mujeres, desenvolvéronse visitas de campo en polo menos 7 comunidades para a consulta e planificación das actividades a desenvolver ao longo do 2016 coas mulleres beneficiarias do proxecto de comunidades rurais do Vello, Nicaragua.
Durante estas visitas as mulleres compartiron as súas axendas cotiás, os seus compromisos con outras accións doutros proxectos e as súas dinámicas persoais, así mesmo, a dispoñibilidade de tempo para asistir ás formacións e accións do proxecto.
Como resultado destas visitas, logramos obter días específicos e horarios por comunidades sen afectar dinámicas persoais e comunitarias. Cada unha das comunidades terá un día para desenvolver as actividades formativas e as visitas para o seguimento médico xinecolóxico.
As mulleres mostráronse contentas e motivadas por continuar co proceso formativo cun tema sensible, como é o cancro de mama. Segundo o acordado, as formacións darán inicio no mes de febreiro.