Paralización das actividades no marco do proxecto que Fundación Mujeres leva a cabo en Ecuador

Paralización das actividades no marco do proxecto que Fundación Mujeres leva a cabo en Ecuador

O pasado martes 1 de outubro, o presidente de Ecuador, Lenín Moreno, anunciou a aprobación mediante decreto 883 dun paquete de medidas económicas coa finalidade de “reducir o gasto público e reactivar o sector produtivo”, entre as cales se atopa a eliminación do subsidio ao combustible. Estas medidas desencadearon nunha forte crítica por parte de varios sectores da sociedade, que sinalan que esto provoca un aumento da precariedade das comunidades máis vulnerables do país, entre elas toda a poboación indíxena.

Como resposta a estas medidas, a Confederación Nacional Indíxena do Ecuador (CONAIE) xunto a outras organizacións sindicais e sociais, convocaron a un gran paro nacional, cunha forte mobilización da poboación indíxena á capital do país e outras capitais de provincia, onde se deron situacións de violencia e vulneración dos Dereitos Humanos.

Entre o mércores 2 e o domingo 6 de outubro sucedéronse múltiples asembleas populares fundamentalmente en provincias con alta poboación indíxena, zonas da Serra Centro e territorio amazónico. En paralelo comezaban os cortes de estrada e as mobilizacións en diferentes localidades. O sábado e o domingo, os cortes de estrada tiñan xa paralizado todo o Ecuador. Da mesma maneira, en Quito, estudantes das universidades saían ás rúas en solidariedade ao chamamento indíxena reivindicando a derrogación do Decreto 883 e o resto de medidas económicas anunciadas polo presidente da República. A resposta gobernamental foi a represión acompañada pola declaración do estado de excepción (limitación dos dereitos de tránsito, asociación e reunión, liberdade de información, inviolabilidade de domicilio e correspondencia) e toque de queda.

O luns 7 de outubro comezaron a chegar a Quito columnas de miles de manifestantes provenientes das provincias indíxenas. Entre os barrios da periferia da cidade houbo multitude de xestos solidarios ante a chegada dos indíxenas, que se congregaron en El Arbolito, parque céntrico da capital ecuatoriana onde tiveron lugar históricos episodios que terminaron derrocando diversos gobernos durante a década de inestabilidade política.

Na tarde do 12 de outubro, “Día da Interculturalidade e a Plurinacionalidade” en Ecuador, o Goberno Nacional reuniuse cos líderes indíxenas para analizar o contido do Decreto 883 e finalmente confirmar a súa aparente derrogación.

Neste contexto, as actividades que Fundación Humana Pueblo a Pueblo desenvolve nas comunidades indíxenas da parroquia de Quisapincha, en alianza con Fundación Mujeres e apoio financeiro da Xunta de Galicia, no marco do proxecto “Fomentando iniciativas produtivas con valor agregado para a redución da pobreza e a exclusión das mulleres da Parroquia de Quisapincha, Tungurahua”, víronse paralizadas uns cuantos días, ata o 13 de outubro, data en que se derrogou o Decreto. Gran parte da poboación beneficiaria deste proxecto participou no paro nacional tanto en Quito como na mesma parroquia, organizando diferentes actividades como participación nas asembleas cidadás, veladas e guardianías para resgardar a seguridade das comunidades, comisións para trasladarse a Quito e Ambato, peche de vías, peche do mercado, etc.

Actualmente empézanse a restablecer as actividades do proxecto con lentitude posto que as comunidades indíxenas seguen en diálogos e organizándose para ser veedores do cumprimento dos compromisos do goberno e a efectiva derrogación do decreto.

Imaxe extraída do Diario La Hora, “Movimiento indígena, una historia de resistencia” (20/10/219)