O pasado martes 19 de decembro tivo lugar o taller de “Ergonomía mobilizacións e hixiene postural”, no Concello de Ordes. A actividade correu a cargo da Enfermeira, Sonia Vara, quen ademais é delegada do Sindicato de Enfermería SATSE en Santiago, quen de maneira moi sinxela e práctica tratou técnicas de mobilización de persoas dependentes “É importante, no posible, fomentar a autonomía das persoas dependentes, tratando así de mellorar a súa calidade de vida, así como diminuír a carga das coidadoras, tanto física como mental. Neste caso trataremos de lles axudar a que a carga física non supoña un impacto na súa saúde”, sinala Sonia Vara. En definitiva, trátase de poñer á súa disposición coñecementos básicos en materia de hixiene postural na vida diaria así como nocións para a correcta mobilización das persoas ás que coidan.
O Sindicato de Enfermería vén colaborando desde o pasado ano coa Fundación Mujeres dentro do seu programa de Servizo de Apoio Integral a coidadoras no Medio Rural (SAIC Rural) con distintos obradoiros no que trata de dar ferramentas útiles ás mulleres coidadoras en materia sanitaria. O traballo en grupo é unha ferramenta fundamental para fomentar o intercambio de experiencias establecendo redes de apoio mutuo. SATSE colabora a través de talleres no ámbito da saúde e o autocoidado, para tomar conciencia da importancia do coidado persoal para mellorar o propio benestar e incrementar a calidade de vida.