Coidar dunha persoa en situación de dependencia é unha labor que require dun gran esforzo e enfrontarse a situacións difíciles durante moito tempo, derivando frecuentemente en alteracións do estado de ánimo, e máis especificamente a depresión.
A Universidade de Santiago de Compostela puxo en marcha un proxecto cuxo obxectivo é axudar a previr a depresión nas coidadoras familiares de persoas en situación de dependencia a través da aplicación para smartphones «Happy».
«Happy» ofrece un programa psicolóxico gratuíto baseado nunha intervención eficaz para a prevención da depresión desenvolta polo Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatología ( GRISAMP), dirixido polo Prof. Fernando L. Vázquez González, formado por prestixiosos psicólogos/ as e psiquiatras das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade de España.
Para acceder ao programa, as coidadoras deben cumprir os seguintes requisitos:
- Ter un Smartphone (un teléfono móbil con conexión a internet, onde se poidan utilizar aplicacións, p.ex., WhatsApp).
- Unha vez iniciado o programa, comprometerse a finalizalo (o programa dura 5 semanas, e pódese realizar comodamente en calquera horario e lugar desde o teléfono móbil), e a participar en todas as avaliacións, que terán lugar antes do programa, despois do programa, e puntualmente durante 12 meses despois da súa finalización.
Esta aplicación axudará ás coidadoras para mellorar o seu estado emocional e a previr futuras depresións, mellorando a súa calidade de vida e a da persoa que coida.
Agradecer ao CIM (Centro de Información ás Mulleres) da Coruña a colaboración para desenvolver esta actividade pola cesión de espazos.