O pasado luns, 5 de novembro, comezaron os talleres de educación para o desenvolvemento co alumnado de 5º e 6º de primaria dos concellos de A Coruña e Culleredo, enmarcados no proxecto “Igualdade, Interculturalidade e Convivencia en A Coruña”, executado por Fundación Mujeres e cofinanciado pola Deputación da Coruña.
En Culleredo estes talleres lévanse a cabo nos colexios CEIP Ría do Burgo, CEIP Díaz Pardo e no CEIP Novo, e na Coruña desenvólvense no CPR Liceo La Paz.
Nos talleres co alumnado de primaria empregarase o xogo como metodoloxía activa e participativa, que fomenta o traballo en equipo, o debate e a reflexión potenciando así a aprendizaxe colectiva, e conectando os conceptos coas experiencias. Con estes talleres buscamos involucrar ó alumnado novo no compromiso polo respecto propio e mutuo.
Na primeira sesión, das dúas que se levarán a cabo en primaria, traballarase sobre os prexuízos e os estereotipos, a desigualdade e a discriminación. O obxectivo desta sesión é reflexionar sobre como os estereotipos e os prexuízos poden condicionar as relacións entre as persoas, chegando incluso a orixinar situacións discriminatorias se non os cuestionamos.
Na seguinte sesión abordarase a autoestima, o empoderamento e as habilidades sociais. Desde Fundación Mujeres somos conscientes da importancia de traballar o autocoñecemento cos rapaces e cas rapazas, para potenciar a súa autoestima.