Finalizan os talleres de educación para o desenvolvemento co alumnado de primaria dos concellos de A Coruña e Culleredo

Finalizan os talleres de educación para o desenvolvemento co alumnado de primaria dos concellos de A Coruña e Culleredo

O pasado venres 9 de novembro remataron os obradoiros de educación para o desenvolvemento co alumnado de 5º e 6º de primaria dos concellos de A Coruña e Culleredo, enmarcados no proxecto “Igualdade, Interculturalidade e Convivencia en A Coruña”, executado por Fundación Mujeres e cofinanciado pola Deputación da Coruña.

Nos obradoiros co alumnado de primaria empregouse o xogo como metodoloxía activa e participativa, que fomenta o traballo en equipo, o debate e a reflexión potenciando así a aprendizaxe colectiva, e conectando os conceptos coas experiencias. As opinións das rapazas e rapaces foron positivas, e algunhas delas fan referencia á diversión e dinamización dos obradoiros: «O que máis me gustou foi ter aprendido tanto nestes obradoiros e encima divertinme» ou «Aprendín a saber cousas boas miñas e gustoume todo, foi todo divertido».

Na primeira  sesión traballáronse os prexuízos e os estereotipos, a desigualdade e a discriminación. O obxectivo desta foi reflexionar sobre como os estereotipos e os prexuízos poden condicionar as relacións entre as persoas, chegando incluso a orixinar situacións discriminatorias se non os cuestionamos. Para isto utilizamos dinámicas de interpretación de personaxes que lles permitiran desenvolver empatía e facilitar as reflexións.

Desde Fundación Mujeres somos conscientes da importancia de traballar o autocoñecemento cos rapaces e cas rapazas, por iso na seguinte sesión abordouse a autoestima, o empoderamento e as habilidades sociais a través do traballo en grupo.