Coa volta á rutina en setembro retomamos as actividades en diferentes municipios da provincia da Coruña, subvencionados pola Deputación da Coruña dende fai dez anos no marco do Servizo de Apoio Integral Integral a Coidadoras no medio Rural. Neste último trimestre estaremos presentes nos concellos de Betanzos, Melide, Cerceda, Irixoa, Pontedeume-Cabanas, Laracha, Narón, Fene, Arteixo, Culleredo e As Pontes, coas novas incorporacións de Arzúa e Carballo.
Nos obradoiros estamos a traballar temáticas tan diversas e necesarias como hábitos saudables, a corresponsabilidade, as habilidades sociais e comunicativas, a autoestima, a xestión do tempo ou a iniciación ó uso do móbil, entre outras. Un mínimo de 120 mulleres pasarán polos obradoiros para aproveitar estas formacións gratuítas, unha vez finalizado o proxecto, como parte do seu proceso de empoderamento persoal e activación social.
Durante as sesións tratamos de facilitar ferramentas para que as participantes non se esquezan do seu propio coidado, do seu benestar e da súa autonomía, recordando que se non se coidan a elas mesmas, non poderán coidar a outras persoas. Así mesmo, é moi importante para a súa activación social e empoderamento aportarlles un espazo no que poidan aliviar un pouco a súa carga emocional, sentirse acompañadas e comprendidas e no que poidan tecer unha rede de apoio e acompañamento entre elas.
Dende a Fundación Mujeres queremos mostrar o noso agradecemento a todo o persoal técnico dos distintos concellos, que colabora con nos e adica o seu tempo para que o desenvolvemento do servizo sexa posible.