O pasado 30 de setembro deron comezo os obradoiros enmarcados no proxecto “Igualdade, multiculturalidade e convivencia”, executado por Fundación Mujeres e cofinanciado polo Concello da Coruña, co alumnado de primaria do CEIP San Pedro de Visma. A vindeira semana comezarán tamén os de secundaria no IES Agra do Orzán.
A metodoloxía escollida para empregar nos talleres é activa e participativa, contando con dinámicas nas que o alumnado participante terá a oportunidade de pórse na pel das persoas que sofren discriminacións de distinta índole, para xerar empatía e, a partir dela, ofrecer recursos para a resolución pacífica de conflitos.
Mediante o xogo de roles, o alumnado dos centros participantes poderán mostrar o seu compromiso para formar unha comunidade educativa que conviva con respecto, aportando novas ideas para atallar as discriminacións que poderían estar presentes nas aulas. Ademais, sendo conscientes da relevancia que ten o autoconcepto á hora de ter unha determinada actitude cara as demais persoas, Fundación Mujeres aposta por traballar nas aulas a autoimaxe e a autoestima da mocidade, como medio para fortalecer a cohesión dos grupos.
Empregaranse tamén materiais de comunicación audiovisual, como o vídeo-fórum, no que se fomentan a observación e a reflexión, e a posta en común das ideas propias. Desta forma esperta a conciencia crítica no alumnado, e tórnase capaz de avaliar as situacións que ten diante e buscar solucións de maneira conxunta.
O eixo central das sesións é o abordaxe dos diferentes tipos de discriminación, poñendo énfase na discriminación por motivos xénero. Os mozos e mozas reflexionarán sobre como se constrúen os estereotipos que dan lugar ós prexuízos, e o xeito en que se propagan e dificultan á súa erradicación.
Os obradoiros terminarán traballando o apoderamento e técnicas de comunicación como a asertividade, que favorezan o respecto cara as persoas que sofren discriminacións, pero tamén o repecto á propia persoa.