Foi a primeira actividade do ano do Servizo de Apoio a Mulleres Coidadoras financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e tivo una gran acollida por parte das coidadoras. A visita, enmarcada nos Espazos de Participación deste Servizo para favorecer a activación social das usuarias, estivo dinamizada por unha guía especializada que lles acercou ás coidadoras obras recoñecidas do autor galego Luis Seoane dunha forma técnica e amena. As asistentes puideron contemplar as obras que a muller do autor, Elvira Fernández (Maruxa Seoane), se encargou de conservar e fomentar o retorno e difusión destas obras do seu marido a Galicia.
A actividade constaba dun percorrido pola vida e obra do autor, poñendo un especial acento á figura de Maruxa Seoane como promotora deste gran legado. Na colección represéntase un amplio abanico de temas e técnicas que comezan nos anos 50 e van ata pouco antes do seu falecemento en 1979. O discurso expositivo pasa polos principais bloques temáticos do autor: as mulleres galegas, natureza e paisaxe, guerra e denuncia social e mitos, tradicións e lendas.
A exposición incorpora tamén unha sección de carácter pedagóxico que analiza as distintas facetas desenvolvidas ao longo da obra (pintor, gravador, ilustrador, cartelista) e os procedementos e técnicas empregadas. As coidadoras sentíronse encantadas coa actividade e foi unha boa oportunidade para aprender dunha forma amena un pouco máis da cultura e arte galega.
Agradecer a colaboración do Museo de Belas Artes da Coruña para levar a cabo esta actividade.