Inicio > Noticias > Os obradoiros de educación para o desenvolvemento co alumnado de secundaria chegan ao seu fin
Nov
28
2018
Fomentando as miradas críticas coas desigualdades
Os obradoiros de educación para o desenvolvemento co alumnado de secundaria chegan ao seu fin
Fundación Mujeres - Delegación Galicia
O obxectivo destes obradoiros foi contribuír á construción do pensamento crítico do alumnado analizando as problemáticas asociadas á discriminación e á desigualdade, xerando deste xeito compromisos coa igualdade, a multiculturalidade e a diversidade

Esta semana rematamos cos obradoiros de educación para o desenvolvemento co alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO dos concellos de A Coruña e Culleredo, enmarcados no proxecto “Igualdade, Interculturalidade e Convivencia en A Coruña”, executado por Fundación Mujeres e cofinanciado pola Deputación da Coruña.  

 

Nestes obradoiros seguimos unha metodoloxía mixta:
  • Por unha banda, empregamos as curtametraxes elaboradas por mozos e mozas extremeñas que participaron no proxecto “I+I: Igualdad e Interculturalidad. Claves de la Educación para el Desarrollo”, e a través do vídeo-fórum construímos os conceptos sobre os que traballar, a partires do debate e a reflexión.
  • Por outra banda o xogo constituíuse como unha ferramenta metodolóxica a través da cal puidemos ampliar e afondar nos coñecementos, conectando as experiencias cos contidos de xeito activo e dinámico.
 
Durante a primeira  sesión traballamos os prexuízos e os estereotipos, analizando como estes conceptos poden influenciar o noso comportamento cas e cos demais, así como o impacto que poden ter nas primeiras impresións que nos levamos das persoas antes de coñecelas. 
 
Na seguinte sesión abordouse a discriminación a través de xogos que reflectían as desigualdades e inxustizas que estes comportamentos poden ter sobre as persoas e os grupos. Traballamos sobre os tipos de discriminación: directa e indirecta, e debatemos sobre que estratexias se poden seguir para evitar este tipo de comportamentos.
 
Na terceira sesión traballamos cos conceptos de autoestima e empoderamento. Abordamos a importancia do autocoñecementona formación da autoestima, e indagamos sobre os efectos que poden ter os comportamentos discriminatorios sobre a autoestima das persoas vítimas. Traballamos sobre o fortalecemento da autoestima a través do autocoñecemento, identificando cualidades positivas e habilidades de cada persoa, e reflexionando sobre a capacidade que temos todas e todos de converter as características que identificamos como negativas en elementos positivos e/ou oportunidades de mellora. 
 
A cuarta e última sesión destinouse a elaboración, xunto co alumnado, de ideas e materiais para difundir na campaña de incidencia posta en marcha desde Fundación Mujeres nas redes sociais. Deste traballo xorden murais con propostas ante as problemáticas identificadas polas mozas e mozos.
 
Entre os comentarios recibidos, o alumnado felicita “a creatividade dos vídeos” empregados e as dinámicas grupais, que fixeron que desfrutaran dun “bo rato educativo” no que aprender sobre cuestións “moi importantes” sobre as que non traballan habitualmente. 
 
Por último, queremos dar as grazas a dirección e profesorado dos centros Agra do Orzán e Liceo La Paz de A Coruña e IES Rego de Trabe en Culleredo pola súa boa acollida e colaboración.