Inicio > Noticias > Novo taller de Corresponsabilidade en Curtis-Teixeiro
Nov
29
2018
“Coidar e ser coidadas”: un novo taller para as mulleres coidadoras de Curtis dentro do Servizo de Apoio Integral a Coidadoras do Rural
Novo taller de Corresponsabilidade en Curtis-Teixeiro
Fundación Mujeres Delegación Galicia
Os pasados días 20 e 27 de novembro tivo lugar o taller de corresponsabilidade familiar no concello de Curtis-Teixeiro, dentro do programa SAIC Rural, subvencionado pola Deputación de A Coruña.

 Dentro do programa do SAIC Rural, que arrancou xa no mes de setembro no concello de Curtis-Teixeiro, tivemos dúas sesións adicadas a tratar o tema da corresponsabilidade familiar, no marco do taller “Coidar e ser coidadas”.

Neste obradoiro, comezamos analizando as situacións cotiás que vivimos na casa en relación aos coidados, aproveitando para redefinir entre todas o concepto de coidados, entendendo que non só implica atender ás persoas dependentes mais tamén levar a cabo o conxunto de tarefas domésticas diarias que garanten o benestar das persoas que habitan no núcleo familiar, a planificación de todas estas tarefas e os afectos que dispensamos ás persoas a quen coidamos.

A continuación, analizamos máis detidamente os roles de xénero e como estes inflúen na socialización de homes e mulleres, facendo recaer sobre as últimas todo o entramado das tarefas de coidados.

Socializouse como é a situación de reparto de responsabilidades nas súas casas e se esta se producía, se era máis ben tipo axudas puntuais ou se había realmente unha implicación equitativa na distribución das tarefas de coidados.

Finalizamos abordando algunhas chaves que nos poden axudar a mellorar a situación de cara á consecución da corresponsabilidade, tales como aprender a demandar axuda, buscar o tempo e o espazo axeitados para falar do reparto das tarefas de coidados coas persoas que habitan no núcleo familiar, aprender a dicir non e darse permiso para priorizar as necesidades propias e instalarse nun novo marco mental que nos permita asumir que coidar a outra persoa non pode pasar por descoidar a propia vida.