Inicio > Noticias > Fundación Mujeres celebrou o pasado venres 21 o XV Encontro de emprendedoras e empresarias na Coruña
Jul
24
2017
Valorado moi positivamente por parte das asistentes
Fundación Mujeres celebrou o pasado venres 21 o XV Encontro de emprendedoras e empresarias na Coruña
Fundación Mujeres - A Coruña
O pasado venres 21 de xullo, máis de 30 emprendedoras e empresarias reuníronse para compartir experiencias no XV Encontro de emprendedoras e empresarias titulado “Comunica, comparte, fai networking... sé unha empresaria de éxito”. A xornada xirou arredor da importancia de traballar a mensaxe e habilidades de comunicación, de visibilizar as empresas e de establecer relacións e tecer redes de apoio.

O evento tivo lugar no Centro Municipal Accede Papagaio, grazas á colaboración do Concello da Coruña, e realizouse no marco do proxecto Actívate Creando Empresas cofinanciado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, proxecto dirixido a apoiar a mulleres emprendedoras e empresarias na posta en marcha e consolidación das súas empresas. 


Esta edición foi a número quince destes encontros que, dúas veces ao ano, e coincidindo co remate do curso de creación de empresas, celebramos nos diferentes territorios onde traballa a Fundación Mujeres. 


O acto comezou coa presentación da Concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña, Rocío Fraga, que incidiu na importancia da cooperación e da creación de redes de mulleres para apoiárense na súa andadura no mundo empresarial. 


A continuación houbo unha rolda de palabra entre as asistentes, que contaron cun “minuto de ouro” para presentaren as súas empresas, a súa actividade e a proposta de valor. A continuación, as alumnas que veñen de rematar a XX edición do curso de creación de empresas presentaron os seus proxectos empresariais. 


Logo dun descanso, que as asistentes aproveitaron para charlar, intercambiar contactos e tecer redes, a xornada rematou cun panel de empresarias enfocado nos diferentes retos aos que nos enfrontamos á hora de emprender desde os puntos de vista do marketing, financeiro e fiscal. As empresarias Begoña Rodríguez de Strategia Online, Begoña Fernández de Fisbe Asesores e María Jesús González de Consultoría Préstamos deron pautas básicas sobre estes tres enfoques, e responderon ás preguntas das asistentes.


A valoración do Encontro por parte das asistentes foi moi positiva, que consideraron moi beneficiosa a oportunidade de aprender, compartir e colaborar. Desde a Fundación Mujeres queremos agradecer a todas as emprendedoras e empresarias a súa participación, e agardamos contar coa súa presenza en vindeiras edicións destas xornadas.