Inicio > Noticias > Comezan os talleres de educación para o desenvolvemento co alumnado do IES Agra do Orzán e o CPR Liceo La Paz
Oct
27
2018
Traballando sobre estereotipos e prexuízos
Comezan os talleres de educación para o desenvolvemento co alumnado do IES Agra do Orzán e o CPR Liceo La Paz
Fundación Mujeres - Delegación Galicia
Cos talleres de educación para o desenvolvemento impartidos buscamos involucrar ó alumnado novo no compromiso polo respecto propio e mutuo

O pasado 22 de outubro deron comezo os talleres de educación para o desenvolvemento co alumnado de secundaria do IES Agra do Orzán e o CPR Liceo La Paz. Estes talleres están enmarcados no proxecto “Igualdade, Interculturalidade e Convivencia en A Coruña”, executado por Fundación Mujeres e cofinanciado pola Deputación da Coruña.

 

Fundación Mujeres é consciente da poderosa influencia da comunicación audiovisual nas nosas vidas e a visión que proxecta sobre o mundo, por iso, cremos que é fundamental desenvolver accións comunicativas-educativas a través de métodos audiovisuais, que permitan sensibilizar á poboación máis nova desde unha tripla perspectiva:

 
  • Narrar historias das diversas realidades existentes que permitan ver un escenario non nesgado por razón de sexo.
  • Visibilizar, a través da xanela que nos proporciona a ferramenta audiovisual, a unha parte da poboación e os seus dereitos, que ata ese momento parecía invisible.
  • Permitir a reflexión individual e colectiva que nos permita construír unha sociedade máis igualitaria.
 
Nos talleres co alumnado de secundaria emprégarase o vídeo-fórum como metodoloxía activa e participativa na que non se proporcionan conceptos pechados, senón que se fomenta a observación, o debate e a reflexión potenciando así a aprendizaxe colectiva. Convertemos ao alumnado participante en protagonistas da actividade, potenciando a súa mirada crítica.
 
Na primeira  sesión, das catro que se levaran a cabo en secundaria, abórdanse os conceptos prexuízos e estereotipos. O obxectivo desta sesión é reflexionar ao redor da construción dos prexuízos e estereotipos como elemento fundamental que sustenta a discriminación cara determinados colectivos dificultando a xeración de empatía e, con iso, de solidariedade ante a vulneración no acceso de dereitos que poden sufrir.
 
Nas seguintes sesións traballarase ao redor dos conceptos de discriminación, autoestima e empoderamento para finalizar, na cuarta e última sesión, coa construción de ferramentas ou accións que formen parte da campaña de incidencia e mobilización social que se porá en marcha desde Fundación Mujeres.